Abrir o campo. Fluxos culturais en galego e portugués
A conciencia dun pasado común converte a fronteira entre Galiza e Portugal nun espazo de encontro e reflexión, un espazo lábil cargado de significados onde o contacto entre sistemas culturais se resolve con frecuencia nunha experiencia de recoñecemento e autocoñecemento. Mais a barreira que establece distancias no terreo político e administrativo imponse tamén nos ámbitos da comunicación e da cultura pois non en van o mercado e as institucións que facilitan a difusión dos produtos culturais seguen estruturas marcadas polos límites do Estado.
Neste monográfico facemos unha chamada para explorar as experiencias culturais que xorden co propósito de establecer vencellos por enriba desa realidade, que xera capas de impermeabilidade entre comunidades que se recoñecen nunha lingua e nunha realidade socioeconómica moi próximas. Como afectan as diferencias lingüísticas e cal é o papel da tradución? Como se manifesta o interese mutuo na prensa cultural? Como se representan as peculiaridades territoriais e lingüísticas nas obras de creación dun lado e outro da fronteira? Que estratexias se utilizan desde a cultura para construír comunidade ou marcar a outredade? Como se representa e que consecuencias ten a raia nos sistemas literarios?
Este tipo de exploración das relacións entre as culturas de fala portuguesa e Galicia abordouse no XIV Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos Horizontes dos Estudos Galegos e/na Lusofonia (UMinho, abril de 2024) atendendo a diferentes ámbitos. Partindo desa experiencia como motor de reflexión, as editoras deste monográfico convidan á colaboración con traballos inéditos que exploren esta temática desde o ámbito da tradución, a prensa cultural, a literatura e outras manifestacións artísticas que ofrecen a posibilidade de poñer a proba ou cuestionar os dispositivos fronteirizos cos que se organiza e se representa o mundo.
Este número monográfico combinarase con textos que se publican na sección de miscelánea e que poden ter temática aberta.
Os artigos poden estar escritos en galego, portugués, catalán, castelán ou inglés e cómpre axustarse ás normas editoriais da revista. Serán sometidos a unha avaliación cega por pares e só se poderán enviar a través da páxina web de Abriu (https://revistes.ub.edu/index.php/Abriu/index). O prazo de presentación remata o 15 de novembro de 2024. O monográfico Abrir o campo. Fluxos culturais en galego e portugués está coordinado por María Alonso (Universidade de Santiago de Compostela) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona). Publicarase no número 14 (2025) de Abriu.
Ler máis acerca de Abrir o campo. Fluxos culturais en galego e portugués